Pedro Vázquez Carballeira, de Ourense, con 53 anos de idade, confía no “boca a boca”, ese que con moita seguridade lle dará o seu próximo posto de traballo. Ata hai menos dun mes, Vázquez participaba nun programa de inserción laboral de Cogami. O seu traballo consistía en levar a xente con discapacidade ó médico, á piscina ou a outros servizos.”Ese traballo foi creado para min, axustábase a min ó 2000%”, asegura.
A súa xornada laboral comezaba ás 8.30 da mañá cando a cidade todavía era escuridade nos días anteriores ó verán. Ata ás 13.00 horas, andaba a dar voltas cos usuarios do transporte por Auria, para nesa hora tomar un descanso e comida ata as 15.30 cando se reanudaba o traballo ata as 19.00 horas.
Agora, soña con ter un emprego similar. “Facíao de marabilla. A xente estaba contenta co meu labor e eu estaba contento con eles. Eleváballes a moral, intentaba sacárlle-las penas. Agora que se acabou si que me sinto un pouco frustrado, pero algo sairá pronto”, explica sen un ápice de negatividade.
Quen fala é unha persoa con discapacidade, na mesma situación cós usuarios que el levaba no seu transporte e que mesmo axudaba a subir se non podían. “Eu non podo coller pesos e andar con eles un traxecto, pero si podo empuxar algo con forza estando parado”, explica.
A súa discapacidade consiste en ter unha perna, a dereita, máis curta cá outra. Dende hai tempo, leva unha próteses pero esta desgastoulle o fémur e agora ten no lugar unha fractura. Debe operarse pero está aguantando o que pode para dilata-la data da operación.
Para el, a axuda de Cogami é incuestionable. “É unha xente que vive para nós. Dannos todo o seu apoio, a axuda, os coñecemtnos para atopar un posto de traballo. Pero ti xa sabes que tes que poñe-lo teu grao de area. Ninguén che vai poñe-la comida no prato”, aclara.
This slideshow requires JavaScript.
Texto: Mar Pérez
Fotos: Marcos Míguez




