Tiña sete anos cando a máquina que tanto admiraban artistas como Tamara de Lempicka e Filippo Tommaso Marinetti lle cambiaba a vida. Un coche cruzouse no camiño vital de Gerardo Pérez Comesaña para mudarlle a dirección da columna. Dende entón, ten unha discapacidade do 34% que, sen embargo, non lle impediu traballar na construcción na súa mocidade. “Ata que ós trinta e tantos aprendín que un ten que vivir co que ten e que canto mellor conviva mellor será a vida”, explica.
Agora, Gerardo Pérez traballa como condutor dos camións de recollida do lixo da empresa Coregal, ubicada en Mos, O Porriño (Pontevedra). “Espero que (o traballo) dure moitos anos, para quedarme cerca da casa. Polas miñas condicións físicas, é un traballo axeitado para min”, detalla.
Ata hai dous anos, Gerardo Pérez traballaba nunha empresa de láminas de plástico. “Cerrou e marcharon para Portugal. Nós, os traballadores, fomos para a rúa. Eu estaba en Cogami e, a través dun convenio deles co Concello de Mos, fun seleccionado para o meu traballo de agora”, explica cunha voz seguro de si mesmo que mesmo se impón sobre o bruído que sae da fábrica.
Aínda que non se resinte para nada da súa discapacidade no actual emprego, recoñece que no pasado foille duro aprender a tolerala. “Eu, na miña vida, só collín unha dúas baixas, como as que podería coller calquera outra persoa (…). Nos traballos nos que tiña que levantar peso, pedía a xuda a un compañeiro porque sei cales son as miñas limitacións. Ós homes, cústanos pedir que nos axuden. Eu mesmo, cando estaba na outra empresa, ó comezar, custábame pedir axuda, sentíame inferior, ofendíame, deprimíame; despois cheguei á conclusión de que se me axudaban era o mellor para min”, lembra.
A pesar de contar con compañeiros, xefes e persoal vario disposto a axudarlle sen problemas nos últimos anos de vida, Pérez Comesaña chama a atención sobre o labor que debe face-la sociedade. ” “O que hai que mellorar é o concepto que ten a xente dunha persoa con discapacidade. En principio, son persoas marxinadas, iso non debería ser así. Deberían ser privilexiadas; ter máis portas abertas porque -razoa- unha persoa con discapacidade pode ser calquera en calquera momento da vida”.
Texto: Mar Pérez
Imaxe: Pelu Vidal




