Da terra do café, á do botafumeiro

Armenia é a capital do departamento colombiano de Quindío. As súas coordenadas coinciden co mesmo espazo do Eixo Cafeteiro, unha liña invisible pero que arrecende a café. Dende alí, o estudante Juan Sebastián Meneses partiu no mes de xullo cara España coa arela de realiza-lo Camiño de Santiago dende Madrid. Esta mesma semana cumpría o seu obxectivo nun tándem acompañado de seu pai ó chegar a Compostela. Non ían sós, o adestrador galego Javier Pitillas e o deportista amateur Gerardo Fernández acompañárono.

A súa proeza radica na confianza en sí mesmo, na sorte da vida de estar rodeado dunha familia agarimosa e en chegar a un destino tras centos e centos de quilómetros pedaleando nunha bicicleta adaptada a el. A adaptación é necesaria debido á súa incapacidade, que lle obriga a estar nunha cadeira de rodas. Ós poucos días de nacer, cando aínda estaba na incubadora, os médicos diagnosticaron a Juan Sebastián Meneses que o 90 por cento da súa corteza cerebral estaba morta. Os facultativos aseguraron ó seu pai que “non ía falar, ollar ou oír, que non ía ser intelixente”. Malia ese veredicto vital, agora, o mozo -que conta con 22 anos de idade- é estudante de Psicoloxía.

O éxito nos estudos e na vida de Meneses chegoulle grazas a que seus pais se negaron a acata-lo réquiem anticipado dos médicos. “A súa nai -explica o pai, Francisco Meneses- é terapeuta e iniciou un proceso de estimulación dende a incubadora”. Xa na casa, o traballo proseguiu chegando cada día ás 14 horas e implicando ó resto da familia. “O que fixemos, sinala Francisco Meneses, foi rodealo de amor”, sinala seu pai.

Pouco a pouco, Juan Sebastián foi desenvolvendo habilidades como a linguaxe ou o gateo ata que os anos pasaron e ó remata-la Secundaria deu a boa nova de que quería ir á universidade. Tras ser admitido e supera-los exames, o mozo comezou a súa vida de universitario que cesou hai uns meses cando a institución académica o obrigou a someterse a uns exames cuxos resultados determinaron que “non tiña competencia para ser psicólogo”.

“É algo que non remato de entender”, apunta o afectado. “Dende a miña situación podo mostrar unha sensibilidade especial con esa carreira”, comenta nas instalacións de Aspanaex, en Vigo, onde descansa dunha das etapas do seu Camiño de Santiago. Agora, espera que a súa estadía en España o dea a coñecer e alguna universidade o admita para seguir cursando os seus estudos.

Lonxe de sentirse derrotado, Juan Sebastián -que xa escribiu tres libros; o primeiro deles, que conta a súa experiencia ós 13 anos, foi publicado- seguiu buscando retos e dende a nube dixital de internet xurdiu a posibilidade de realiza-la ruta xacobea.

O encontro co Camiño foi casualidade. “Un día, buscando en internet, apareceu unha mensaxe de Javier Pitillas que buscaba un triciclo especial. Envieille un correo, cruzámonos mensaxes e nese ir e vir de e-mails xurdiu facer un percorrido polo Camiño”, explica Francisco Meneses.

Finalmente, tras consegui-lo diñeiro, a familia Meneses voou con Juan Sebastián a España este verán para facer realidade o seu soño. “Para min, é unha alegría e unha satisfacción grande chegar a esa meta (Santaigo)”, sinala o propio Juan Sebastián Meneses. Seu pai, ó seu carón, lanza unha mensaxe de ánimo: “Hai que axudar ós fillos a cumpri-los seus soños. Moitos pais poñen barreiras, sobreprotexendo os seus fillos; outros conténtanse con deixalo nun centro. A familia debe involucrarse ó 100 por cento”. Como exemplo desta superación e para axudar a familias en situación semellante, a familia Meneses creou a Fundación Covida en Colombia que atende a máis dun cento de nenos.

Texto: Mar Pérez

Foto: Joel Martínez

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s