“Non me sinto diferente”

“Intento que a miña vida sexa o máis normal posible. Non me sinto diferente para facer estas cousas”, explica Victoria González Vázquez, parapléxica de 36 anos de idade, funcionaria, medalla de prata no Campionato de España de Esquí Adaptado, mergulladora con botella, nadadora e tamén ciclista.

Esta tarde, a Fundación Amigos de Galicia, outórgalle xunto á Universidade de Santiago o Premio Manuel I. Piñeiro “Pallín” polo seu “afán de superación” porque, co seu exemplo, “presta axuda e dá valores á sociedade”. O acto, a partir das 17.00 horas, celebrarase na Facultade de Xornalismo de Compostela coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A historia de Vicky como loitadora contra as barreiras comezou dende o mesmo día que coñeceu no hospital que un accidente de automóbil a deixara parapléxica. Era o ano 1993, tiña 19 anos de idade e estudaba Dereito. Ó abri-los ollos á súa nova realidade, Victoria González sufriu un “baixón relativo ó principio” para de seguido curar as feridas da alma e decidir seguir adiante coa súa vida. “A miña mellor amiga morreu nese mesmo accidente. Dende o principio, considereime afortunada. No hospital vía casos peores có meu, xente tetrapléxica que non tiña o apoio das súas familias, que non podía traballar, que non vía a saída”, lembra.

Tras conseguir ‘a alta’ da Unidade de Lesionados Medulares, Vicky apostou por continuar coa súa carreira de Dereito. Antes de retoma-las clases, decidiu falar co rector para que adaptase a facultade. Conseguiu finaliza-los estudos e púxose a preparar as oposicións á Xunta que logrou aprobar. “Eu era a primera funcionaria en sillas de rodas”, rememora. “O meu primeiro destino foi Pontevedra que si estaba adaptado á xente con discapacidade. Ó ano, empecei a traballar en San Caetano, que non estaba adaptado”, relata esta muller, actual inspectora de Facenda tras promocionar o pasado ano.

Fronte ás barreiras que lle foron xurdindo, Victoria González optou sempre por protestar. Unha desas queixas que mellor lembra é a da sinalización horizontal da praza de aparcamento na Escola de Idiomas de Santiago. “Había prazas de aparcamento para a xente con discapacidade pero como o sinal era vertical moita xente non o vía e aparcaba nas nosas prazas. Eu pedía que se pintara no chan. Pedinllo á escola, ó Concello. Pasábanse a pelota uns a outros. O único que tivo efecto foi a carta que lle enviei a Fraga. Tras esa carta, pintáronme a praza”, comenta.

A súa loita continuou e prosegue. “O que dificulta levar unha vida o máis normal posible son as barreiras e a falta de respeto ás prazas” de aparcamento para xente con discapacidade, sostén. “Se queren a miña praza, que se queden co meu problema”, apunta.

Á hora de ir ó ximnasio ou de marcha, esta muller de forte carácter segue a ruta marcada polos locais adaptados deseñados ou remodelados polo seu irmán arquitecto de interiores. Vicky aproveita para denuncia-la publicidade enganosa. “En Área Central, vendían os cines como adaptados e non o estaban. Consumo condenounos a retira-la publicidade enganosa pero non os obrigou a adapta-los cines. Ó final, á empresa fíxoo porque quixo. Agora mesmo, hai unha normativa que non se cumpre”, expresa

Ademais de loitar polos seus dereitos, Victoria González adica a súa vida ó deporte. “Tras aproba-las oposicións, empecei a esquiar. Eu tiña amigos que esquiaban nos Alpes. Eles dicíanme que había sillas adaptadas para que a xente con discapacidade esquiara. Un día, na tele, vin que un centro comercial de Madrid tiña unha silla para esquiar e fun. Alí, faláronme da Fundación También” coa que comezou a practicar o esquí e a competir.

O esquí é o seu deporte preferido “pola sensación de liberdade, porque o podo facer cos meus amigos, coa miña parella. Podes facelo en condicións de igualdade coas persoas que non teñen discapacidade. Ademais, é competitivo, o que me atrae”.

Este, sen embargo, non é o único deporte que practica. Ten licencia de mergullo con botella; ten feito o descenso do Sella varias veces con piragua e mesmo fixo o Camiño de Santiago en bicicleta adaptada. “A maioría da xente que ten discapacidade é reacia a probar certas cousas, a integrarse. Eu síntome orgullosa”.

Respecto do premio que recibe hoxe, sinala que se sente “bastante alagada e un pouco sorprendida. Son unha persoa moi activa. Non sei se non tivera discapacidade se estaría metida en tantos fregados”, confesa esta muller que se declara con “moito carácter”. “Despois de loitar para que me adaptaran a piscina, fun alí. Atopei unha señora que me dixo: ‘Eu de ti, non viría”. Vicky, lonxe de ficar tristeira ou bloqueada, pensou: “Menos mal que eu non son vostede”.

Esta funcionaria deportista recoñece que unha persoa debe ser moi forte para que comentarios deste tipo non lle afecten. “Este tipo de cousas, dinllas a outras persoas  e afúndenas. A min, gústame dar outra visión positiva da situación. Non todo se acaba. Hai cousas que non vas volver facer pero hai outras moitas que si”, sentencia Victoria González.

Texto: Mar Pérez

Fotos: Facilitadas por Victoria González

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s