Experimentar a discapacidade

O mundo celebra hoxe o Día Internacional da Persoa con Discapacidade. Lectura de manifesto, actos, entrega de premios…

Entre os eventos organizados en Galicia, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) ofreceu unha particular ruta ás aforas do Museo de Arte Contemporánea (MARCO). O camiño cheo de obstáculos foi percorrido en silla de rodas por un cento de alumnos de terceiro a sexto curso de Primaria que probaron neles mesmos que sente unha persoa que se move en cadeira de rodas cada vez que se atopa unha lousa mal posta, unha rampa cunha pendente esaxerada ou continuos obstáculos na súa vía.

Entre os nenos participantes, Borja Souto, de oito anos de idade que ó rematar o percorrido tras superar unha ducia de conos, outra ducia de barreiras metálicas, unha rampa e un eslalon de obstáculos, comentaba dende a súa cadeira de rodas que a experiencia fora “moi boa” recoñecendo que tivo que pedir “axuda” para moverse na rampa. “Esa foi a parte máis difícil”, confesaba fachendoso para respostar a continuación que lle “gustaría moverse en cadeira de rodas”.

O seu compañeiro Jorge Martínez, tamén con oito anos, sen embargo pensaba doutro xeito. “Estivo ben, si, tiña gañas de andar na cadeira pero prefiro ir andando. Andar na cadeira de rodas é un pouco difícil”.

Tras esta actividade, unha das monitoras de Cogami invitou a Jorge a pórse en pé e experimentar outra falta de capacidade: a visión. “Agora vas ter unha pequena discapacidade visual”, avanzou mentres lle tapaba os ollos cun pano ó rapaz e lle poñía na man un bastón para cegos indicándolle como movelo pola rúa do Príncipe, entre as columnas metálicas da carpa instalada por Cogami e a xente.

A uns metros de alí, unha nena de pelo lango castaño e plumífero marrón tres cuartos colocábase as súas gafas de montura violeta mirando con atención para a muller morena que facía acenos coas mans sen vocalizar. Outra moza ó seu carón traducía a linguaxe dos signos: “Chámome Carmen e son xorda”. Cando á rapaza do plumífero marrón lle preguntaron o seu nome na linguaxe de signos, a nena non dubidou nin un segundo e foi indicando aceno a aceno Gabriela. O mesmo farían con distinta velocidade Brais, Rubén e Marcos. Este último ata foi quen de dicir coas mans os días da semana que despois o resto de pequenos repetiron con Carmen.

“A min, tamén me sorprenderon os nenos. Ó principio -comenta Alejandro Coello, responsable do departamento de Accesibilidade de Cogami Vigo- cando lles preguntaron os nenos que tal coa linguaxe de signos, eles responderon que ben. Pensamos que dicían ben por dicilo, porque eran nenos. ‘Xa veremos’, díxenme a min mesmo, pero despois decateime de que si, de que o coñecen”.

Nenas como Gabriela aprenden algunhas palabras da linguaxe dos signos en cuarto da ESO. O que non aprenderon nin lles ensinaron foi a moverse co bastón. “Hoxe foi a primeira vez que utilicei, explicaba Gabriela, e non foi moi fácil porque tiña medo de chocar coa xente”.

Pola súa parte, Alejandro Coello detallou que o obxectivo destes obradoiros para sentir o que é a discapacidade durante uns minutos é que “os nenos sintan as sensacións que ten unha persoa en cadeira de rodas cando se lle presenta unha barreira cunha baldosa irregular no pavimento ou cunha rampa mal deseñada, ademais de sentir o que sente unha persoa cega cando vai pola rúa e lle xorde outra barreira”.

Texto: Mar Pérez

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s