Carmen, a forza do espírito

Tiña 19 anos cando a súa brúxula vital indicoulle o camiño cara Suiza dende o seu Ourense natal, como resposta a un anuncio de emprego dun país onde non tiña ningún referente. No estado dos cantóns, do teito nevado de Europa do Jungfraujoch, pasaría dez anos traballando en diversos empregos de hostelería ata que embarazada de seis meses retornou a Galicia.

Desde esa volta a Auria, Carmen González Freitas foi encadeando traballos de hostelería, cos do forno nunha panadería ou facendo cableados. Neste último, xa “non aguantaba estar de pé”. Agora, tras dous anos no paro e cunha discapacidade do 33% -a causa da osteoporose e do desgaste na columna- esta muller, de 52 anos de idade, lamenta que se lle fai ” complicado traballar tanto “de pé como sentada; agarrótanse as articulacións”. “Todo é dor” para a que non queda outra solución que a inxestión de “calmantes”, precisa.

Con este hándicap e coa situación laboral forzada pola crise, esta muller de forza druída, recoñece que “non se consigue un traballo así como así que se adapte ás miñas circunstancias”. Non obstante, no seu caso, as barreiras non llas pon o seu espírito senón unha sociedade e un tecido empresarial xordos, cegos e mesmo mudos. “Vas a unha entrevista, expóñente o traballo e pregúntanche ‘¿pero ten a capacidade para facelo?’ E non te contratan porque pensan que vas coller unha baixa”, sinala debullando as verbas con faciana tristeira, consciente da situación.

Un destes ‘non’ que máis lle doeu foi o da ONCE á que presentara unha instancia para ser vendedora de cupóns. Tras pasar por inspección, “dixéronme -lembra- que non porque a miña discapacidade vai en aumento”.

Cando se lle pregunta que sentiu nese instante, tómase uns segundos para pasear a ollada por dous puntos perdidos no aire antes de respostar: “Sentín rabia. Nunca collín unha baixa nin sequera cando estaba na panadería ondhabía días que empezaba a traballar ás tres da mañá”.

Este presente que podería levar ós febles de espírito a laiarse de estación en estación sen mover as pezas no taboleiro, impulsa a Carmen a xusto ó contrario: a manterse activa, aprendendo, superándose a si mesma.

Nos dous últimos anos, Carmen ten realizado diversos cursos coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) en Ourense. O último -rematado o pasado mes de outubro- serviulle para descubrir un novo aliado na súa casa: a computadora mediante programas de Mecanografía, Word, Excel, Acces e contabilidade. “Non sabía nada de ordenadores. Na miña casa, temos un, o da miña filla pero eu non sabía nin como entrar. Agora, xa non lle teño medo ó ordenador”, explica cun sorriso fachendoso e unha luz nova nos ollos.

Con estes coñecementos e outros de hostelería e un de cociña que espera recibir pronto, Carmen ve cada día máis preto o seu soño de voltar ó mercado laboral. “Eu teño pensado traballar no que máis me gusta, a hostelería. Miña filla e eu temos pensado coller un bar onde tamén poñamos comidas. Eu véxome capaz de levalo. Ó ser noso, eu do podería tomarme un descanso pequeno cando o necesitara” ó longo do día e sen que a actividade do establecemento se resentise. Para Carmen, o futuro pinta “ben”.

Texto: Mar Pérez

Foto: Marcos Míguez

Unha resposta a Carmen, a forza do espírito

  1. Estimada Mar:

    El máximo aliento y ánimo para desarrollar con éxito este proyecto de visibilización de la discapacidad en Galicia… Bicos

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s